Wednesday 15 de May de 2024

A rede de alta velocidade esténdese no concello de Lousame


A alcaldesa sinalou o “necesario” e “esencial” deste tipo de tecnoloxías para a sociedade actual e resaltou o seu afán por seguir traballando para que chegue a todas as parroquias
O Concello de Lousame xestionou un acordo coas principais operadoras de telefonía móbil para estender os servizos da rede de última tecnoloxía na banda 800 MHz en todas as parroquias do municipio. Así, nos vindeiros meses esta tecnoloxía estará dispoñible ao longo do concello ampliándose agora a Camboño e Tállara. Deste xeito, a veciñanza lousamiá poderá gozar de conexións móbiles de alta velocidade sobre tecnoloxía LTE cunha mellor cobertura no interior das edificacións e maior extensión xeográfica.
Esta rede sobre esta nova banda de frecuencias, melloran a velocidade de conexión a internet, servizos de televisión baixo demanda, descargas de música, así como decenas de novos servizos para aproveitar o gran ancho de banda desta tecnoloxía, permitindo conseguir velocidades de ata 150 Mbps.
Esta nova rede de telefonía móbil introduce dúas melloras fundamentais. A primeira é a solvencia dos diversos problemas relacionados con orografías complicadas presentes na xeografía lousamiá onde tradicionalmente fallaba a cobertura. A segunda, é a gran penetración en zonas interiores das edificacións. Asemade permite o uso de innovadores servizos e aplicacións e proporciona significativas melloras tanto en velocidade de descarga como de envío de datos.
Porén, a implantación desta mellora na rede podería ocasionar nalgún caso incidencias no sinal da Televisión Dixital Terrestre (TDT), polo que a veciñanza pode solicitar unha revisión gratuíta para solucionar calquera problema en relación coa nova rede de telefonía. As persoas que necesiten esta revisión poden chamar ao teléfono 900 833 999 ou enviar un email a ayuda@llega800.es
Teresa Villaverde, alcaldesa de Lousame, sinalou que “este acordo supón unha importante mellora no día a día da veciñanza do noso concello, especialmente, nun momento no que as conexións a internet son esenciais para o desenvolvemento social. Por exemplo, no último ano, por mor da pandemia da Covid-19 o teletraballo impúxose na realidade de numerosas empresas, polo que dotar de ferramentas dixitais á cidadanía é máis necesario ca nunca. Se ben, seguiremos traballando insistentemente para conseguir novos proxectos para estender estas redes de telefonía a todos as parroquias do noso municipio”.